ACEGA | Asociación Galega de Celíacos 981 104 467 - 679 461 003 | [email protected]
Atención ao público: Martes - Xoves: 9:30 a 13:30. Mércores: 9:30 a 13:30 - 17:00 a 19:30
25 aniversario acega

ACEGA cumpre 25 anos

Aínda non podemos crer que chegaramos ata aquí, estamos de aniversario! ACEGA cumpre nada máis e nada menos que 25 anos. Queremos celebralo contigo e contándoche un pouco a nosa historia.

Así comezou todo…

No ano 1981, María Teresa García e Isabel Sastre, dúas nais preocupadas polos seus fillos recentemente diagnosticados de celiaquía, decidiron axudar a outras persoas na mesma situación. Foi así como xurdiu a Delegación Galega da Asociación Nacional de Celíacos. 

Pouco a pouco, e xunto con outros voluntarios que se unían á delegación, comezaron a atender aos primeiros socios dende a casa e a axudar a todas as persoas que, coma elas ao principio, non sabían en que consistía a enfermidade coa que agora tiñan que convivir. 

Foi un camiño longo, pois cando se formou a delegación, non existía alimentación especial e houbo que traballar moi duro para conseguir que as administracións públicas se involucrasen

Uns anos despois, a Asociación Nacional de Celíacos disolveuse, foi entón, no 1998, cando se creou a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA). Esta dividiuse en sete delegacións co obxectivo de atender máis de preto a todos os afectados por esta patoloxía. Estas delegacións, correspondentes coas sete grandes cidades galegas, foron e seguen sendo: Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Soños cumpridos

Vinte e cinco anos despois da fundación de ACEGA como asociación independente, non podemos evitar botar a vista atrás e ver todo o que conseguimos dende aqueles primeiros anos:
– Melloramos a atención ao socio. Como xa comentamos ao principio, as persoas voluntarias atendían dende a casa. Pouco despois, coa idea de poder mellorar o servizo e que os socios tiveran sempre un lugar ao que acudir para resolver dúbidas, conseguimos unha oficina no centro sociocultural de Vite, onde aínda estamos actualmente. Tiñamos un pequeno horario de atención que se foi ampliando pouco a pouco, contando agora mesmo con máis de 20 horas de axuda ao socio na oficina.

– Melloramos tamén o servizo para asociarse, ofrecendo ás persoas interesadas en formar parte de ACEGA todas as facilidades que están ao noso alcance. Ademais de asociarse de maneira presencial, en cada unha das delegacións, agora tamén é posible unirse a esta familia a través da web.

– O proxecto de restauración non fixo máis que crecer dende o ano 2008. Comezamos coa iniciativa de Restauración en Galicia Sen Glute co obxectivo de axudar, por un lado, a todos os celíacos, para ofrecer un listado con establecementos que ofrecen comida sen glute segura, e por outro lado, para axudar aos establecementos, para ofrecerlles a información máis actualizada e resolver calquera dúbida. 

Iniaciamos esta andadura coa axuda de persoas voluntarias e pouco a pouco foi crecendo. Logo incorporamos ao noso equipo formadores especializados en seguridade alimentaria para atender as necesidades do proxecto. Agora mesmo, temos unha rede de máis de 200 establecementos asesorados e formados por persoal especializado.

– A cociña sen glute con ACEGA. Cando comezamos esta etapa, era realmente difícil atopar produtos específicos sen glute. Un pan rico, unha torta para o aniversario, unhas croquetas saborosas… Eran moitas as receitas que os nosos socios querían aprender a elaborar. É por iso que publicamos no ano 2007 un receitario de cociña no que colaboraron moitos socios doando as súas receitas co fin de axudar a outros celíacos na mesma situación. Este libro foise actualizando ao longo de tempo ata que, o pasado ano 2021 publicamos un novo receitario de cociña coa axuda de persoal voluntario e de algúns establecementos asesorados que doaron algunhas das súas mellores receitas.

Despois da publicación do primeiro receitario, co fin de continuar apoiando aos socios para que puideran elaborar composicións sen glute deliciosas, no ano 2009 emprendemos os cursos de cociña sen glute. Impartidos por voluntarios da asociación que xa levaban tempo cociñando sen glute, pretendían que fose unha xornada na que axudarse mutuamente e aprender entre todos.

Hoxe en día, aínda que temos un pouco máis sinxelo atopar certos produtos, os socios e socias seguen sentindo a necesidade de aprender a cociñar certas receitas, por iso estes cursos continúan aínda hoxe, sendo unha das nosas actividades máis demandadas.

– Un Nadal máis inclusivo.Os Reis Magos reparten caramelos sen glute en moitos concellos de Galicia grazas á nosa campaña “Os Reis Magos cos Celíacos”, coa cal comezamos no ano 2005. 

Cada ano contactamos con todos os concellos de Galicia para explicarlles a necesidade de que todos os nenos poidan comer os caramelos que As Súas Maxestares reparten e cada vez sumamos máis, xa non polo feito de que cada vez en máis concellos repartan caramelos aptos, se non tamén porque coñecen a enfermidade celíaca e nos teñen en conta noutro tipo de actividades.

– Formacións ACEGA. Desde o noso comezo, tiñamos claro que unha parte importante da nosa labor tiñan que ser as formacións a diferentes colectivos. A enfermidade celíaca era unha gran descoñecida, ninguén sabía o que era o glute e moito menos por que algunhas persoas non podían consumilo, nin sequera por contacto cruzado.

Foron moitos anos de insistir na necesidade de impartir formacións polo que, cada vez, é máis sinxelo que nos entendan cando dicimos que somos celíacos.

Dende o comezo ata agora, impartimos charlas a colectivos moi diferentes á vez que necesarios, coma o persoal médico, persoal docente, estudantes de diferentes especialidades (nutrición, hostalaría, panadería…), así como tamén a todas aquelas persoas que tiñan interese pola enfermidade, incluíndo por suposto aos socios. Organizabamos unhas xornadas abertas para todo o público cada dous anos e, actualmente, estas  lévanse a cabo cada ano.

Sen esquecer por suposto as aulas de divulgación, impartidas a persoas que, sen necesidade de ter unha profesión concreta, están interesadas no tema. É importante para nós que diferentes colectivos coñezan a nosa patoloxía, pero é tamén moi importante que todas as persoas coas que temos que convivir día a día a coñezan.

Por último, as clases aos máis pequenos, impartidas a modo de conto, para que os nenos e nenas entendan de maneira sinxela a problemática desta enfermidade e non exclúan aos compañeiros celíacos.

– O Día Nacional da Enfermidade Celíaca. Anteriormentechamado Día Nacional do Celíaco e con data do 27 de maio, sempre foi un día especial para nós. Unha xornada para unir forzas e reivindicar os nosos dereitos, pero tamén unha oportunidade para celebrar.

Dende sempre fixemos un encontro entre socios, unha festa para celebrar o noso día con toda a comida apta para nós. Esta festa foi crecendo e cambiando o seu formato ao longo do tempo. Actualmente esta celebración converteuse nunha feira gastronómica, a primeira en Galicia totalmente libre de glute.

Neste ano, ademais, coa idea de continuar unindo forzas para seguir loitando por os nosos dereitos, a celebración pasa a ser o 16 de maio, o Día Internacional da Enfermidade Celíaca. Unimos desta maneira as nosas forzas coas outras asociacións europeas, estadounidenses e australianas, que xa viñan conmemorando esta data.
– Outras actividades. Dende a Asociación de Celíacos de Galicia levamos a cabo moitas outras actividades na que os socios puideron participar ao longo do tempo. Como campamentos xuvenís, encontros, festas de nadal, concursos, sorteos, doazóns solidarias, colaboracións con feiras gastronómicas e de tapas… e moitas cousas máis!

Despois de todos estes anos loitando xuntos, non podemos estar máis que agradecidos a todas as persoas que colaboraron connosco, sobre todo, a cada socio que fixo posible que ACEGA continúe adiante e mellore cada día. Só podemos sentir orgullo por todo o conseguido ata agora, só podemos dicir que temos miles de motivos para seguir loitando polo que cremos, por conseguir a inclusión plena do noso colectivo.

GRAZAS por formar parte desta gran familia que somos ACEGA.

Feliz 25 aniversario!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Close
Cart (0)

Non hai produtos no carriño. Non hai produtos no carriño.



Idioma