ACEGA | Asociación Galega de Celíacos 981 104 467 - 679 461 003 | [email protected]
Atención ao público: Martes - Xoves: 9:30 a 13:30. Mércores: 9:30 a 13:30 - 17:00 a 19:30

Que sucede se non realizo correctamente a dieta sen glute?

O único tratamento que existe actualmente para a Enfermidade Celíaca é a Dieta Sen Glute para toda a vida.
O glute é unha proteína que se atopa na semente de cereais como trigo, cebada, centeo e derivados e algunhas variedades de avea.
O glute carece de valor nutricional, pero ten un alto valor tecnolóxico. É o responsable da elasticidade da masa de fariña, conferindo a consistencia esponxosa de pans e masas enfornados.
A dieta sen glute non debe iniciarse antes de ter o diagnóstico dun especialista, xa que dificultaría o diagnóstico da enfermidade. Para levar unha correcta dieta sen glute aconséllase ter en conta os seguintes puntos:

  • É recomendable consumir produtos naturais ou xenéricos, é dicir, os que son libres de glute por natureza.
  • Non se recomenda consumir produtos a granel, xa que son produtos que teñen maior risco de sufrir contaminación cruzada.
  • Non se deben consumir produtos etiquetados coa declaración “moi baixo en glute”, aínda que vaian acompañados das seguintes alegacións: “Adecuado para as persoas con intolerancia ao glute”, “Adecuado para celíacos”, “Elaborado especificamente para persoas con intolerancia ao glute” ou “Elaborado especificamente para celíacos”. Estes produtos conteñen entre 20 e 100 ppm de glute, polo que non son aptos para persoas celíacas segundo os expertos. A única mención válida para as persoas celíacas é a mención SEN GLUTE.
  • Actualmente existen no mercado produtos elaborados con amidón modificado de trigo que conteñen menos de 20 ppm de glute e son aptos para persoas celíacas.
  • Ao adquirir produtos elaborados e envasados é recomendable comprobar a relación de ingredientes que figuran na etiquetaxe, ou buscalos na lista de alimentos sen glute de FACE ou na aplicación Facemóvil.
  • Débese de extremar a precaución na manipulación de alimentos en bares, restaurantes e comedores. Exemplo diso sería o uso de aceites compartidos para produtos con e sen glute ou un prato de legumes con embutido con glute, que non se podería ofrecer a unha persoa celíaca nin quitando o embutido despois da elaboración.
  • Naqueles domicilios nos que haxa un membro celíaco, recoméndase eliminar as fariñas de trigo e o pan relado con glute e utilizar, no seu lugar, fariñas e/ou pan relado sen glute, e flocos de puré de pataca para rebozar, empanar ou espesar salsas. Deste xeito os alimentos cociñados en casa poderían ser consumidos por todos, incluíndo ás persoas celíacas.
  • As Asociacións de Celiacos están para axudarlle. Ante calquera dúbida ou problema, acuda a elas. “Ante a dúbida de se un produto contén ou non glute: NON O CONSUMA.”
Close
Cart (0)

Non hai produtos no carriño. Non hai produtos no carriño.



Idioma