ACEGA - Asociación de Celíacos de Galicia | 981 104 467 - 679 461 003 | [email protected]

Que sucede se non realizo correctamente a dieta sen glute?

O único tratamento que existe actualmente para a Enfermidade Celíaca é a Dieta Sen Glute para toda a vida.
O glute é unha proteína que se atopa na semente de cereais como trigo, cebada, centeo e derivados e algunhas variedades de avea.
O glute carece de valor nutricional, pero ten un alto valor tecnolóxico. É o responsable da elasticidade da masa de fariña, conferindo a consistencia esponxosa de pans e masas enfornados.
A dieta sen glute non debe iniciarse antes de ter o diagnóstico dun especialista, xa que dificultaría o diagnóstico da enfermidade. Para levar unha correcta dieta sen glute aconséllase ter en conta os seguintes puntos:
É recomendable consumir produtos naturais ou xenéricos, é dicir, os que son libres de glute por natureza.
Non se recomenda consumir produtos a granel, xa que son produtos que teñen maior risco de sufrir contaminación cruzada.
Non se deben consumir produtos etiquetados coa declaración “moi baixo en glute”, aínda que vaian acompañados das seguintes alegacións: “Adecuado para as persoas con intolerancia ao glute”, “Adecuado para celíacos”, “Elaborado especificamente para persoas con intolerancia ao glute” ou “Elaborado especificamente para celíacos”. Estes produtos conteñen entre 20 e 100 ppm de glute, polo que non son aptos para persoas celíacas segundo os expertos. A única mención válida para as persoas celíacas é a mención SEN GLUTE.
Actualmente existen no mercado produtos elaborados con amidón modificado de trigo que conteñen menos de 20 ppm de glute e son aptos para persoas celíacas.
Ao adquirir produtos elaborados e envasados é recomendable comprobar a relación de ingredientes que figuran na etiquetaxe, ou buscalos na lista de alimentos sen glute de FACE ou na aplicación Facemóvil.
Débese de extremar a precaución na manipulación de alimentos en bares, restaurantes e comedores. Exemplo diso sería o uso de aceites compartidos para produtos con e sen glute ou un prato de legumes con embutido con glute, que non se podería ofrecer a unha persoa celíaca nin quitando o embutido despois da elaboración.
Naqueles domicilios nos que haxa un membro celíaco, recoméndase eliminar as fariñas de trigo e o pan relado con glute e utilizar, no seu lugar, fariñas e/ou pan relado sen glute, e flocos de puré de pataca para rebozar, empanar ou espesar salsas. Deste xeito os alimentos cociñados en casa poderían ser consumidos por todos, incluíndo ás persoas celíacas.
As Asociacións de Celiacos están para axudarlle. Ante calquera dúbida ou problema, acuda a elas. “Ante a dúbida de se un produto contén ou non glute: NON O CONSUMA.”

Close

Sign in

Close

Cart (0)

Cart is empty No products in the cart.

Celiacos Galicia

Asociación de Celíacos de Galicia



Language