ACEGA | Asociación Galega de Celíacos 981 104 467 - 679 461 003 | [email protected]
Atención ao público: Martes - Xoves: 9:30 a 13:30. Mércores: 9:30 a 13:30 - 17:00 a 19:30

VEGALSA-EROSKI E A ASOCIACIÓN DE CELÍACOS DE GALICIA (ACEGA) ASINAN UN CONVENIO PARA CONTRIBUÍR AO AFORRO DAS PERSOAS CON CELIAQUÍA.

  • Ambas entidades subscribiron un convenio de colaboración para mellorar a oferta dos produtos sen glute, un acordo do que se beneficiarán 2.000 familias galegas.
  • A compañía ofrecerá aos asociados de ACEGA un desconto do 20% en máis de 200 referencias, un aforro que se reembolsará na tarxeta Eroski Club Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025 – A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski e a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) subscribiron un convenio de colaboración para mellorar as condicións de compra dos produtos de alimentación das persoas con celiaquía. Un acordo que formalizaron a directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González, e a presidenta de ACEGA, Gloria Bernárdez, no Hipermercado Eroski da Sionlla, en Santiago de Compostela.

Grazas a esta colaboración, máis de 2.000 familias galegas asociadas a ACEGA se beneficiarán dun 20% de desconto na compra de produtos sen glute, tanto de marca propia como de fabricante. Este beneficio estará dispoñible en todos os establecementos Autoservicios Familia, Hipermercado Eroski, Eroski Center, Eroski City e Eroski Rapid, así como en compra en liña. O aforro transferirase a través dun reembolso directo na tarxeta moedeiro de Eroski Club.

Este desconto estará dispoñible para todas aquelas persoas que sexan socias de ACEGA e de Eroski Club. Para activalo, os usuarios recibirán desde a asociación un vale de adhesión, que deberán presentar nunha tenda xunto á súa tarxeta de fidelización. Unha vez activado, o desconto aplicarase automaticamente en tódalas compras das máis de 200 referencias sen glute incluídas na colaboración.

“A través deste acordo, desde Vegalsa-Eroski reafirmamos o noso compromiso co benestar das persoas con celiaquía. Conscientes do esforzo económico que implica seguir unha alimentación sen glute, o noso obxectivo é facilitar o acceso a estes produtos a un prezo máis accesible”, sinala a directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa da compañía, Gabriela González.

“Dende ACEGA, valoramos de modo moi positivo o acordo alcanzado con Vegalsa-Eroski, xa que supón un avance significativo na accesibilidade a produtos sen glute para as persoas celíacas. A implantación dun desconto do 20% para as persoas asociadas, aliviará o impacto económico que supón seguir unha alimentación específica, e tamén demostra o compromiso da compañía coa inclusión e benestar deste colectivo. É un paso importante cara unha oferta alimentaria máis xusta, responsable e adaptada ás necesidades reais dos consumidores”, remarca a presidenta de ACEGA, Gloria Bernárdez.

Vantaxes para socios en Galicia, Asturias e Castilla y León

Vegalsa-Eroski formalizou este acordo coas asociacións de celiaquía das tres comunidades nas que ten presenza: a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), a Asociación Celiaca Principado de Asturias (ACEPA) e a Asociación Celíaca de Castilla y León (ACECALE). Deste xeito, os socios das asociacións e da Eroski Club terán dispoñible este desconto nun total de 270 establecementos dos tres territorios.
A compañía amplía así o seu compromiso cunha alimentación adaptada ás necesidades nutricionais dos seus clientes. Grazas a estas colaboracións, Vegalsa-Eroski pode coñecer de maneira máis directa as necesidades e expectativas das persoas con celiaquía en relación coa experiencia de compra nos seus establecementos.

Sobre Vegalsa-Eroski

Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castilla y León con 292 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.

Sobre ACEGA

A Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), é unha entidade sen ánimo de lucro, cuxo obxectivo fundamental é axudar a todas as persoas afectadas pola Enfermidade Celíaca e Dermatite Herpetiforme. Agrupa con carácter voluntario a celíacos/as, os seus familiares e a todos aqueles enfermos cuxo tratamento esixa manter unha dieta sen glute, a fin de tratar as solucións máis idóneas aos problemas de tipo social, psicolóxico e técnico que poden presentarse como consecuencia da súa condición. Conta con máis de 2.000 asociados/as en toda Galicia.

Sábese que entorno ao 1-2% da poboación, é celíaca, pero aínda así, debido ao difícil diagnóstico e ao gran descoñecemento desta patoloxía, o 75% destes están sen diagnosticar. É por elo que dende ACEGA buscan sensibilizar á poboación e ás administracións públicas sobre a problemática que se deriva da Enfermidade Celíaca e mellorar así a calidade de vida das persoas celíacas favorecendo a súa integración social con distintas actividades e formacións. Ofrecen varios servizos, tanto aos socios/as coma á sociedade en xeral, sendo algúns deles a información e asesoramento ao celíaco recentemente diagnosticado, a publicación anual unha Lista de Alimentos e a aplicación móbil, actividades de convivencia e encontros entre asociados/as, desenvolvemento do programa Restauración en Galicia Sen Glute, actividades de difusión, información e concienciación á poboación xeral e a colectivos de interese, tales como sanitarios/as ou restauración, entre outros.

Deixa unha resposta

Close
Cart (0)

Non hai produtos no carriño. Non hai produtos no carriño.



Idioma